O rugby galego de base vólvese reunir en Poio
Por Redacción
Os campos municipais da Reiboa, en Poio, serán escenario o vindeiro sábado 11 de maio da V Concentración de Escolas de Rugby.
Clubs de toda Galicia daranse cita nunha xornada de convivencia na que está prevista a participación de máis de 300 nenos e nenas de 4 a 12 anos de idade.
"Supón unha oportunidade para seguir fomentando o deporte e todos os valores que promove, ao tempo que contribúe a dinamizar o noso concello e favorece o noso desenvolvemento socioeconómico", sinalou na presentación da concentración o alcalde, Ángel Moldes, acompañado entre outros do edil de Deportes, Tucho Muíños, e o presidente do Pontevedra Rugby Club, Alberto Fernández, como organizador da xornada.
A convivencia incluirá un torneo que se disputará nos dous campos municipais, e no que participarán ademais do propio Pontevedra Rugby Club os equipos Mareantes, Ferrol RC, Astérix de Viveiro, Fendetestas RC, Capóns de Vilalba, Muralla RC, Zalaeta, Campus Ourense RC, Lalín RC, CRAT de A Coruña, Santiago RC, Os Ingleses de Vilagarcía e Vigo Rugby.
A actividade arrancará ás 10.30 horas da mañá e concluirá co tradicional terceiro tempo con todos os participantes.