Apagamento do Marín na recta final e perda de dous puntos vitais (4-4)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
O pavillón da Raña acolleu este sábado outra final para o Marín Futsal de cara ao obxectivo da permanencia na Primeira División Feminina e viviuse como tal. A afección gozou dun encontro de altos voos fronte ao FSF Móstoles que estivo marcado polo ritmo frenético e un aluvión de goles, pero que quedou embazado nos últimos dous minutos cando parecía que os tres puntos quedarían na casa.
A formación local controlou a posesión e o xogo e púxose por diante no marcador aos dez minutos de xogo tras unha gran combinación en campo rival que Débora Lavrador finalizou en gol.
Con todo, despois do paso polos vestiarios o dominio cambiou de bando e foi o Móstoles o que pasou a levar a batuta e atopou o empate nunha xogada ensaiada de saque de banda. Balón atrás a Benete, que golpeou desde tres cuartos de campo, o balón deu na súa irmá e posteriormente en Carolina Bravo, que o desviou ao interior da rede sen que Patri Arruti puidese facer nada.
Buscou a reacción o Marín, pero nun erro de marca chegou o 1-2. Balón en longo a Montufo por banda dereita, recortou ao seu par e plantouse no man a man coa gardameta local para batela cun potente chute.
Sen tempo para lamentar, o equipo de Ramiro Díaz púxose de novo ao choio e non tardou en devolver o empate tras un saque de esquina que Carolina Pedreira enganchou cunha maxistral volea para facer o 2-2.
Viñeron arriba as xogadoras locais tras o golazo do empate e, alentadas pola súa afección, deron a volta ao marcador cun dobrete de Carolina Bravo que deixaba nese momento os tres puntos na Raña.
Con todo, nun visto e non visto a euforia apagouse. Quedaban dous minutos e Móstoles pasou a atacar con cinco para reverter a situación. E vaia se o lograron. Longa combinación en campo marinense e nun erro no despexe, Celia Jiménez fíxose co esférico dentro da área para recortar diferenzas.
Segundos despois, noutro fallo local, Café sacou de banda cara a Patri, que nada puido facer ante a altísima presión de Celia. A 10 rouboulle a carteira e xutou á madeira, o balón recolleuno Alicia Voto e o enchufó para dentro a falta de 20 segundos para a conclusión.
Sacou de centro o Marín Futsal e pasou a atacar de cinco, pero xa non quedaba tempo para máis e o encontro finalizou nun doloroso 4-4.
Consulta a acta nesta ligazón
Relacionadas:
-
Triunfo do Marín Futsal contra o Viaxes Amarelle para saír do descenso (3-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Goleada o Majadahonda dun Marín Futsal que se engancha á permanencia (1-7)
Por Almu Dapena |
-
Remontada do Marín Futsal para crer na permanencia (2-4)
Por Redacción |
-
O Marín Futsal, a piques de sorprender o líder Burela (3-4)
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
O Poio Pescamar logra a súa cuarta Copa Galicia ao vencer o Marín Futsal nunha final intensa
Por Anxo Lourido |