Pablo López, reforzo de primeiro nivel para o festival Costa Feira de Sanxenxo
Por Alejandro Espiño
O festival Costa Feira, que se celebrará de novo este verán en Sanxenxo, contará cun dos artistas máis recoñecidos do panorama musical nacional. Trátase de Pablo López, que ofrecerá o seu concerto o luns 12 de agosto, segundo informou a organización.
Tras concluír a súa xira de gran formato por España, Pablo López iniciou en febreiro un periplo máis íntimo polos teatros máis emblemáticos do país, na que ademais de repasar a súa ampla discografía está a mostrar en primicia pinceladas do seu novo traballo discográfico.
O artista malagueño, que se fixo popular tras participar no concurso Operación Triunfo en 2008, editou catro discos: Once historias y un piano (2013), El mundo y los amantes inocentes (2015), Camino, fuego y libertad (2017) y Unikornio, once millones de versos después de ti (2020), todos eles cun gran éxito de crítica e público.
A súa traxectoria inclúe un Premio Ondas en 2021 como fenómeno musical do ano e mantivo a súa presenza mediática como coach nos distintos formatos do programa A Voz.
No Costa Feira, que se celebrará entre os días 25 de xullo e 25 de agosto, actuarán entre outros Andrés Calamaro, Hombres G, Juan Magán, Iván Ferreiro, Os Segredos, Loquillo, Taburete, Coque Malla, Sidecars ou Natos e Waor.