A arte múltiple "conquista o espazo" de Pontevedra
Por Redacción
A característica fundamental de artes gráficas como o gravado é a existencia dunha matriz a partir da que poden xerarse diferentes obras.
Partindo dese elemento, a propia evolución da arte contemporánea e os avances tecnolóxicos transformaron nas últimas décadas a noción de arte múltiple, cara o que denominan "gráfica de campo expandido".
Este concepto que tamén fai referencia a como a gráfica contemporánea abandona o seu carácter bidimensional para "conquistar o espazo".
Co propósito de afondar nestas ideas, este grupo de investigación promove desde este mércores o VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira O múltiple que ocupa o espazo, no que se insiren tres exposicións, un ciclo de conferencias e unha serie de intervencións no espazo público.
A programación ábrese nesta xornada coa inauguración no Pazo da Cultura de 'Simbiose', mostra que reúne as creacións de 24 artistas de España e Portugal.
A exposición poderá visitarse ata o 30 de xuño e estrutúrase en catro bloques, que permiten afondar nos diferentes camiños abordados pola arte múltiple neste século XXI.