A Deputación porá en marcha un novo asistente conversacional intelixente na web de Turismo Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno o expediente para contratar a posta en marcha dun asistente conversacional na web de Turismo Rías Baixas. Esta tecnoloxía, coñecida como chabot intelixente, aproveitará os fluxos de datos e proporcionará ás persoas usuarias información de interese para dar resposta ás súas preguntas.
Esta iniciativa, na que se inviste preto de 220.000 euros, enmárcase no proxecto "Tourist Inside II", financiado con fondos europeos.
Segundo manifestou en rolda de prensa o presidente provincial Luis López, a Deputación de Pontevedra está a transformar ás Rías Baixas nun Destino Turístico Intelixente xa que "o mundo está evolucionando moi rapidamente e non queremos quedar atrás".
Este contrato incluirá a creación dunha plataforma semántica, é dicir, unha estrutura que almacene, xestione e analice os datos, sincronizándose á vez coa información existente, para poder interpretar a información e dar, así, resposta ás demandas dos viaxeiros, logrando un turismo máis personalizado e diferenciador.
XUNTA DE GOBERNO
Ademáis deste asunto, o goberno provincial aprobou este venres o convenio co Concello de Arbo para reformar a estrada provincial EP-5012, dotado con 416.000 euros, que inclúe a reforma da contorna da igrexa de San Sebastián de Cabeiras e o campo da festa, incluíndo o viario de acceso de ambos equipamentos.
Ademáis, a Deputación de Pontevedra aproba o expediente, por 500.000 euros, para contratar a oficina de transformación comunitaria +Renovables aque contará con sede no Viveiro de empresas de Barro e con oficinas itinerantes. Esta actuación permitirá fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, enpecialmente nos concellos de reto demográfico.
A empresa que resulte adxudicataria deste contrato encargarase de organizar actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, axuda para crear comunidades enerxéticas e diferentes iniciativas de formación e investigación.
PLAN +PROVINCIA
Por último, a Deputación de Pontevedra adxudicou axudas por 1,7 millóns de euros enmarcadas no Plan +Provincia. Son actuacións en Caldas de Reis, A Estrada, As Neves, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Ponteareas, Salvaterra de Miño e Sanxenxo.
Con estes fondos acometeranse obras en estradas, de saneamento, de acondicionamento de espazos, de mobilidade peonil e humanización, de mellora de instalacións deportivas, entre outros investimentos.
Relacionadas:
-
Luis López critica o "enésimo desprezo" do Goberno á provincia ao descartar a construción dunha autovía a Ourense
Por Oskar Viéitez |
-
A Gala do Emprendemento SmartPeme premia a Salmoira
Por Redacción |
-
A cidadanía e os profesionais do sector están chamados a participar na Estratexia Turismo Rías Baixas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |