Homenaxe aos bombeiros condecorados que interviñeron no rescate de Pedre
Por Oskar Viéitez
Con motivo da concesión da Medalla ao Mérito da Protección Civil de Galicia aos Bombeiros do servizo de extinción de incendios do Concello de Pontevedra que interviñeron activamente no operativo de rescate despregado por mor do accidente que tivo lugar na ponte de Pedre a noite do 24 de decembro de 2022, a Xunta de Persoal acordou felicitar en persoa a estes traballadores: Santiago Carramal, Rubén Comesaña, Aarón Cruz, César Lago e Marcos Prieto.
A Xunta recoñeceu o traballo destes cinco bombeiros "por unha acción que superou o nivel de esixencia regulamentaria no cumprimento do seu deber" xa que nunha noite con condicións meteorolóxicas moi adversas "arriscaron" as súas vidas para descolgarse desde a ponte de Pedre ata o leito do río para chegar ao autobús.
Naquel accidente de autobús na N-541 faleceron sete dos pasaxeiros ao caer o vehículo ao río Lérez. Só sobreviviron o condutor e unha pasaxeira.
Esta felicitación da Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra tivo lugar este xoves e a ela estaban convidados os grupos políticos municipais, acudindo os representantes do PP e do PSOE.