Clubs e atletas, obrigados a buscar alternativas para adestrar polas obras na pista do CGTD
Por Diego Espiño
A reforma e mellora da pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) era necesaria, pero o seu inicio repentino colleu desprevidos a clubs e atletas obrigando a buscar alternativas contrarreloxo para adestrarse.
"Toca reiventarse nun mes complicado", recoñece desde a Gimnástica un dos seus adestradores, Santi Ferrer.
"É o momento máis decisivo da tempada", engade pola súa banda o atleta e tamén adestrador, no Rías Baixas, Jacobo Soler, explicando que "sabiamos que se tiña que facer" pero que lles colleu por sorpresa. "Algúns chegamos á pista para adestrar e vimos que estaba precintada e valada", asegura.
Cun Campionato de España (Sub-18 de Federacións Autonómicas) previsto para o día 22 de xuño a reforma no CGTD debe finalizar antes desa data, pero por medio obrigou a suspender varias probas do Circuito de Atletismo en Pista organizado pola Gimnástica e que "nos vén sempre moi ben para que compitan os atletas de aquí, usabámolo como adestramento de competición", explica Ferrer sobre uns eventos que "non podemos facer noutro sitio que non sexa Pontevedra".
Ante isto centos de atletas víronse obrigados a desprazarse para seguir coa súa preparación. No caso da Gimnástica repartindo ao seus moitos deportistas no estadio marinense de San Pedro, os lanzadores acudindo un día á semana a Cuntis e as escolas deportivas ao Pavillón Municipal dos Deportes ademais da outras instalacións.
Pola súa banda o Atletismo Rías Baixas está a desprazar a Cuntis ao seu grupo de lanzadores, a outras especialidades a Marín e Cangas e as súas escolas de base ao pavillón da Xunqueira. Todo un esforzo organizativo que, polo menos, saben que ten data de caducidade.